Educación Secundaria Obrigatoria
Ciclos Medios
Ciclos Medios
Ciclos Medios
Ciclos Medios

Unha institución ao carón do medio rural!

Experiencias de Alumnos e Profesionais

Cristina Pousada

Experiencias de Alumnos e Profesionais

Iván Trillo

Educación Secundaria Obrigatoria

Apostando polo éxito escolar na ESO

Experiencias de Alumnos e Profesionais

Nerea Arneiros

Experiencias de Alumnos e Profesionais

Javier Cumplido

Experiencias de Alumnos e Profesionais

Avelino Souto

A EFA

A orixe das Maisons Familiales Rurales

A singularidade do proxecto de Fonteboa non se entende desvinculada das MFR (Maisons Familiales Rurales) e resulta obrigado remontarse á orixe deste movemento.

Foi en 1935, en Serignac – Peboudou (departamento de Lot et Garonne, na rexión de Aquitania) cando empeza a xerminar a iniciativa de Formación en Alternancia que, dous anos máis tarde, en 1937, daría lugar ao nacemento da primeira Maison Familiale Rurale.

A súa orixe é sinxela: durante unha conversa familiar, un adolescente manifesta ao seu pai que quere ser agricultor, coma él, pero que non quere ir á escola. O pai, responsable local do sindicato agrario, era consciente de que para ser agricultor resultaba ineludible saber cada vez máis; pero á vez dábase conta que a continuidade dos estudos provocaba nos mozos desapego da cultura local, desarraigo territorial e, en bastantes casos, o abandono da explotación familiar.

O señor Peyrat, pai do mozo, comenta o asunto co seu párroco, L'abbé Granereau, persoa inqueda preocupada pola promoción social dos seus parroquiáns e empeñado na constitución de sindicatos e cooperativas agrícolas. Ambos coincidían en que os coñecementos prácticos podían aprenderse traballando na explotación familiar; e estaban de acordo en que un complemento de formación técnica e xeral era indispensable para permitir aos futuros xefes de explotación adaptarse á incipiente evolución tecnolóxica.

Propuxeron a varios mozos que traballaban nas respectivas explotacións dos seus pais que se agruparan periodicamente para adquirir un complemento de formación adaptado a súa situación. Nace así unha característica da EFA: a alternancia de estancias entre o traballo práctico na explotación agraria familiar e o Centro de Formación.

En 1937, primeira Maison Familiale Rurale

Foi en 1937 cando un grupo de pais se responsabiliza colectivamente do Centro de Formación; e, dado o seu pequeno tamaño, xestionado polas propias familias e a súa localización rural, chamóuselle "Maison Familiale Rurale".
En 1937, na Maison Familiale Rurale de Lauzun non existían relacións precisas entre o programa proposto aos alumnos no Centro e as súas actividades nas explotacións. Sen embargo, nese ir e vir entre a escola e a explotación familiar, o mozo non paraba de dialogar cós seus pais e profesores.

O seu traballo na explotación era fonte de interrogantes; e o feito de aprender técnicas novas no Centro facíalle reflexionar sobre as prácticas habituais na súa explotación.

A partir de 1946 empézase a falar de maneira estable da Pedagoxía da Alternancia. Ese mesmo ano precísanse os principios fundamentais da Maison Familiale Rurale. E en 1947 prodúcese o primeiro recoñecemento legal da Alternancia polo Ministerio de Agricultura de Francia: "como un tempo completo de formación nunha descontinuidade de actividades".

Entre 1937 e 1950 vanse asentando paulatinamente as grandes liñas de acción do movemento MFR: Responsabilidade e autonomía das familias e constitución dunha estrutura de educación e de animación do medio rural.

Unha data importante na historia da Pedagoxía da Alternancia é 1968, cando as MFR pasan a denominarse en Francia MFREO (Maisons Familiales Rurales d'Education et Orientation), para indicar, de maneira explícita, a apertura a outras profesións do medio rural e a prolongación da escolaridade obrigatoria ata os 16 anos.

Outra data importante é 1974; pois asínase un convenio entre o Ministerio de Agricultura e a UNMFREO que recoñece as diferencias das MFR respecto das pedagoxías tradicionais. En Francia as MFR destacan como sinal da súa identidade a "formation par alternance" e o seu slogan é "reussir autrement", que sintetiza a dinámica pedagóxica e os seus resultados na formación dos mozos.

80 anos de innovación educativa no rural

Se consideramos o percorrido das MFR desde 1935, vemos que houbo unha evolución da formación, acorde coa evolución do medio no que están arraigadas: da especificamente formación agraria cara a unha formación máis ampla, orientada ás diversas profesións do rural, pero mantendo os principios e fins institucionais e aplicando a Alternancia Educativa nos diferentes programas de formación.

Desde Fonteboa mantemos, a través de diversos programas, relacións con Maisons Familiales Rurales do Arco Atlántico (Bretagne, Pays de La Loire, Normandie e Aquitaine) e de Bourgogne e de Occitanie, o que nos permite intercambiar experiencias, redefinir os nosos obxectivos e adaptar as estratexias de ensino - aprendizaxe para a adquisición das competencias que demanda o medio socio-profesional, pois a formación debe dar resposta ás necesidades dos escenarios rurais do futuro.

As EFAs en España

Para entender a orixe e a evolución das EFA (na súa orixe Escolas Familiares Agrarias, hoxe Centros de Promoción Rural - EFA) en España hai que retrotraerse cincuenta anos atrás. Os anos 60 en España eran anos de éxodo cara ás cidades, en pleno crecemento. Neses intres a situación do medio rural non era precisamente acolledora, senón máis ben ao contrario; as deficiencias de infraestruturas e de servizos básicos facíanse máis notorias ao comparar o medio rural tradicional co medio urbano emerxente, presentado como paradigma de progreso e de benestar, polas oportunidades económicas e de calidade de vida.

É neste contexto social cando San Josemaría Escrivá, fundador do Opus Dei, suxire a Joaquín Herreros e a Felipe González de Canales a necesidade de poñer en marcha algunha institución educativa e de promoción social dirixida ás persoas do medio rural. Despois de visitar varias experiencias en diferentes países, adoptan o modelo da Maison Familiale Rurale. En 1967 ábrese a primeira EFA na provincia de Sevilla, no Val do Gualdalquivir.

As EFA asumen os principios e fins das MFR e rapidamente se expanden por varias provincias, establecendo acordos con entidades públicas e privadas para a posta en marcha das escolas, que impartían maioritariamente Formación Profesional Agraria (Explotacións Agropecuarias e Economía Rural) dentro do marco da Lei Xeral de Educación de 1970.

Ao igual que sucedera en Francia (que en 1968 as MFR pasaron a denominarse MFRO), en 1992 en España a denominación EFA transformouse en Centro de Promoción Rural - EFA. O obxectivo do cambio era mostrar máis axeitadamente a apertura a outros ámbitos formativos, ademais dos agrarios. Desde ese momento fálase de "Centro de Promoción Rural - EFA" ou simplemente de "EFA", pero sen as connotacións de exclusividade na formación agraria.

Hoxe hai en España 26 EFA cunha oferta educativa diversa, en cada caso adaptada ás necesidades do seu territorio e co obxectivo de promoción do medio rural.

As EFAs en Galicia

Na actualidade en Galicia hai tres Centros de Promoción Rural - EFA, integradas na Federación Rexional de EFA de Galicia: A Cancela (As Neves - Pontevedra), Piñeiral (Arzúa - A Coruña) e Fonteboa (Coristanco - A Coruña) que imparten diversas especialidades formativas en concerto coa Consellería de Educación, e variados programas de formación propios ou en colaboración con outras institucións públicas ou privadas.

Ao igual que noutras rexións de España, inician a súa andaina nos primeiros anos da década dos setenta, nunhas condicións caracterizadas pola precariedade de medios pero cunha claridade respecto ao proxecto de formación e dinamización das áreas rurais.

Na provincia de A Coruña, en 1972, gracias a un acordo entre CIFASA (entidade promotora das EFA en España) e a Deputación Provincial de A Coruña, póñense en marcha as EFAS Piñeiral, en Arzúa, e Fontambre, en Vilasantar (hoxe desaparecida).

Anos máis tarde, en 1975, o acordo entre CIFASA e a Deputación esténdese a Coristanco e constitúese a EFA Fonteboa, ao inicio ocupando tres andares dun edificio no lugar de San Roque e a partir de 1981 na sede actual de Feira Nova. Neses anos tamén nace a EFA "A Carballeira", no concello de Oleiros, pero que soamente funciona uns anos.

Hoxe, as EFA de Galicia, imparten ensinanzas de ESO (en Fonteboa) e de Formación Profesional orientadas á inserción profesional no medio rural. Á par, desenvólvense outros programas de formación continua orientados á adquisición e a mellora das competencias profesionais, en resposta ás demandas de formación e de animación detectadas nas respectivas comarcas.

A EFA Fonteboa

Hai que considerar que as actividades do Centro non se entenden sen a súa integración no marco xeral da Asociación EFA Fonteboa; esta, constituída en 1981, entre os seus fins explicita "impulsar o funcionamento do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa para contribuír á promoción profesional, cultural e social do medio rural a través da formación das persoas", pois a educación é premisa do desenvolvemento económico e social, e a Asociación promove o desenvolvemento facilitando a educación.

Forman parte da Asociación tódolos pais de alumnos de ESO e FP, (170 familias) así como os antigos alumnos e os profesionais do entorno do Centro que o desexen (ao redor de 200 socios), que a súa vez participan en diversos programas de formación continua.

En consecuencia, a actividade da EFA non se esgota no Centro Educativo (alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional), senón que pola singularidade do Proxecto Educativo propiciase a participación do entorno socioeconómico no Centro e acométense accións formativas orientadas á mellora das competencias dos profesionais do entorno.

Neste curso 2017-18, ao igual que nos anteriores, continuamos estendendo a colaboración con entidades públicas e privadas para desenvolver programas de formación continua ou proxectos de investigación e de animación.

No ámbito transnacional estamos a participar en varios programas Erasmus +, todos eles orientados á innovación pedagóxica, á mobilidade dos alumnos (estadías en Francia e Irlanda) e a mellora competencial dos responsables da formación. Pola longa traxectoria neste tipo de accións, a transnacionalidade e a mobilidade dos alumnos e dos profesores de Formación Profesional é un dos sinais de identidade de Fonteboa ( adquisición de competencias lingüísticas, habilidades sociais, etc).

Outros programas, complementarios aos anteriores, van orientados á inserción dos mozos no rural e na animación da vida local: Programas de formación específicos coa colaboración da Consellería de Medio Rural, Programas de formación e animación en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social e outras entidades públicas ou privadas.

A Asociación EFA Fonteboa está integrada na Federación de EFA de Galicia que asume a xestión e representación do Centro Educativo ante a Consellería de Educación e outras instancias da Administración; como entidade asociativa, celebra tódolos anos a súa asemblea anual.

Pola súa banda, a Federación EFA de Galicia forma parte de UNEFA (Unión de Escuelas Familiares Agrarias de España) asumindo competencias de representación e de formación pedagóxica dos monitores das EFA, a través das xornadas anuais de formación.

A súa vez, UNEFA está integrada na AIMFR (Asociación Internacional de Movimientos Familiares de Formación Rural), entidade que aglutina aos máis de 1.600 centros que incorporan no seu sistema pedagóxico os principios da Pedagoxía da Alternancia, a responsabilidade educativa das familias e a animación e o desenvolvemento do medio rural.

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.